FILLAS DE CASSANDRA PRESENTAN O SEU NOVO DISCO "TERTÚLIA" ESTE SÁBADO NO PAZO DA CULTURA
Unha das propostas galegas máis recoñecidas do momento chega a Narón cun directo no que o público “é parte da conversa”.
Martes, 27 de outubro de 2026. O Pazo da Cultura de Narón será escenario este sábado, 31 de outubro, ás 20:00 horas, do concerto de Fillas de Cassandra que presentan en directo “Tertúlia”, o seu segundo álbum, dentro da programación do Padroado.
Fillas de Cassandra son as músicas viguesas María SOA e Sara Faro, un dos proxectos galegos máis recoñecidos da actualidade, con presenza destacada tanto en festivais como en feiras profesionais. Chegan a Narón despois de máis de 130 concertos nos dous últimos anos, unha andaina que comezou co seu disco debut, “Acrópole”, e coa xira “Últimas Dionisíacas”, e que as converteu nunha das grandes revelacións do panorama musical.
“Tertúlia” chega en 2026, con produción musical compartida con Çantamarta e edición de Altafonte. O disco móvese entre a provocación e a tenrura e leva ao son o cotián: unha tarde de cháchara á fresca coas veciñas, unha chamada entre amigas, un baile ata a extenuación. As conversas, as interrupcións, as repeticións, os coros que irrompen, as voces que se superpoñen e os risos dan forma a un álbum concibido como unha praza aberta, un lugar de reunión, de conflito, de confesión e de festexo en comunidade. O disco abre co sinxelo “Saír á fresca”, onde din que “falar dos males non sempre cura, pero as vellas din que moito axuda”.
Musicalmente, o traballo amplía o universo instrumental do dúo e ensancha o marco da sonoridade percutiva que as caracteriza. É un álbum arriscado e incisivo no que dialogan a electrónica contemporánea, a experimentación coas voces e as harmonías e as ferramentas da música tradicional, cunha escrita xenuína e afiada, por veces esperanzadora e íntima, por veces irónica e provocadora.
O álbum chega despois de “Hibernarse”, o proxecto que publicaron en 2025 en formato EP, fanzine e videofilme, e que reflexiona sobre a pausa necesaria nos procesos creativos. Agora o dúo estrea espectáculo, cunha proposta sonora e estética que vai da casa á praza e da sobremesa á verbena. Un directo enérxico e alborotador no que o público tamén forma parte da tertúlia.
As entradas están á venda na taquilla do Pazo da Cultura, en horario de apertura, e en pazodecultura.es. O prezo é de 24,00 euros para o público xeral e de 16,80 euros para a tarifa reducida e para as persoas abonadas.