No 'Correlingua 2012' participaron perto dun millar de escolares de Narón, San Sadurniño e Ferrol.
Narón, 3 de maio de 2012.- Baixo o lema “Galego, todo o que buscas”, hoxe se celebrou a carreira en defensa da lingua galega "Correlingua 2012", organizada pola CIG Ensino en colaboración co Concello de Narón e o Concello de San Sadurniño.
Nesta nova edición da carreira pola lingua participaron un total de 917 escolares de Educación Infantil e Primaria de 10 centros de Narón, San Sadurniño e Ferrol. A relación de colexios que estiveron presentes foi a seguinte: CRA de Narón, CEIP Piñeiros, CEIP Ponte de Xuvia, CEIP A Solaina, CEIP Virxe do Mar, CPI San Sadurniño, CEIP Esteiro, CEIP Recimil, CEIP Pazos, e CEE Terra de Ferrol.
O programa do Correlingua 2012 se desenvolveu no Pazo da Cultura, onde os participantes chegaron entorno ás 9:30 horas. Ás 10:00 horas se levou a cabo a Carreira pola Lingua nas inmediacións do Auditorio, e a continuación os participantesdividíronse en dous quendas. Así, un grupo entrou no Pazo da Cultura onde tivo lugar a actuación da actriz Iria Sobrado, que tamén actuou como presentadora do acto, e a continuación deuse lectura ó manifesto do Correlingua, para concluir coa actuación do grupo de música infantil Pirilampo. Namentres, o outro grupo realizou no exterior do Pazo unha serie de xogos populares, promovidos por monitores. Logo de realizar o cambio de quenda, o Correlingua deuse por finalizado ás 12:30 horas.
Ademáis do Concello de Narón, no Correlingua 2012 colaborou o Concello de San Sadurniño. Ambos financiaron o coste dos monitores que atenderon ós nenos/as. A Concelleira de Educación, Mª del Carmen Espada, e a responsable comarcal da CIG Ensino, Antonia Martínez, presentaron o evento en rolda de prensa e coincidiron en destacar a importancia desta carreira, en tanto en canto sirve para fomentar o respeto e o uso da lingua galega entre os nenos e nenas de hoxe, que serán os adultos do mañá.