O CONCELLO MANTÉN ABERTO O PRAZO DE RENOVACIÓN DAS LICENZAS DE VENDA AMBULANTE PARA AO FEIRÓN DE SANTA ICÍA
O edil de Feiras e Mercados, Santiago Galego, recordou que o prazo para solicitar as renovacións rematará o 28 de xaneiro
Narón, 18 de xaneiro de 2022. O concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, recordou que o Concello mantén aberto ata o vindeiro 28 de xaneiro o prazo para renovar as licenzas de venda ambulante concedidas para o feirón de Santa Icía. As persoas interesadas en renovalas deben presentar a instancia e a documentación requeridas no Rexistro do Concello –de luns a venres de 8.30 a 13.30 horas-, na Sede Electrónica de Narón ou a través de calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
A maiores da solicitude debidamente cuberta é necesario entregar un orixinal ou fotocopia do último recibo que acredite estar ao día coa Seguridade social como autónomo/a; seguro de Responsabilidade Civil (póliza ou último recibo de pago), certificado de estar dado de alta en Facenda no epígrafe correspondente e certificado de estar ao corrente nas obrigas coa Facenda Estatal e da Xunta. Será tamén preciso facilitar os datos persoais da persoa solicitante e as características do posto para o que require renovación (produtos que vende, numeración…).
No caso de que non se renove a licenza o/a venderor/a ambulante perderá a autorización e os dereitos sobre o posto que tiña asignado o pasado ano, debendo tramitar unha nova alta no caso de querer recuperala.
Para solicitar máis información ao respecto pódese escribir un mail ao correo electrónico: am.veiga@naron.es ou chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1502).