O CONCELLO REFORZARÁ A VIXILANCIA NO TERMO MUNICIPAL PARA ERRADICAR VERTEDOIROS INCONTROLADOS
O edil de Servizos e Medio Ambiente, Manuel Ramos apelou á colaboración cidadá para facer uso dos diferentes servizos municipais
Narón, 25 de setembro de 2023. O Concello de Narón intensificará os controis no termo municipal para erradicar a proliferación dos vertedoiros incontrolados. O edil Manuel Ramos, á fronte das concellerías de Servizos e Medio Ambiente, avanzou que se levará a cabo ese maior control debido a que, “a pesar de que é unha práctica sancionable e de que o Concello ten á disposición da cidadanía servizos e recursos para depositar residuos, lamentablemente estas accións continúan rexistrándose con certa asiduidade no termo municipal”. Esta mesma mañá operarios da empresa Urbaser localizaron un vertedoiro na parroquia de San Mateo.
“Dende o Concello, co novo contrato de recollida de residuos sólidos urbáns incrementamos de dúas a tres veces por semana a periodicidade deste servizo, e a maiores colocouse sinalización en zonas nas que se repetía esta práctica para advertir da súa prohibición pero precisamos tamén que a cidadanía tome conciencia real deste problema, faga uso do servizo e sexa consciente do perigo que supón a nivel medioambiental ese tipo de prácticas”, asegurou Ramos.
O Concello ten a disposición da cidadanía as instalacións do Punto Limpo municipal de Río do Pozo, operativo de luns a venres en horario de 9.00 a 13.00 horas e os sábados de 9.00 a 14.00 horas, e tamén o Servizo de recollida de enseres co que se debe concertar a recollida chamando ao teléfono: 981 391 074.
As sancións polo incumprimento da ordenanza municipal de limpeza viaria neste caso poden alcanzar os 3.000 euros para os calificados como “moi graves”, que valora a Policía de Medio Ambiente. Naqueles que se tramitan pola lei autonómica de residuos, os expedientes remítense á Xunta de Galicia –administración con competencias na materia- e as sancións poden superar os 30.000 euros, tal e como apuntou o concelleiro de Servizos e Medio Ambiente.
Dende o Concello faise un chamamento á colaboración cidadá para localizar ás persoas que realizan este tipo de prácticas, que non deben quedar impunes, para que chamen á Policía Local de Narón (981 381 700) e alerten sobre estes feitos.