Trátase dun encontro de autores e ilustradores de libros galegos co público.
Narón, 26 de Xuño de 2014.- A Praza da Gándara acollerá este fin de semana (27, 28 e 29 de xuño) a 2ª edición da Feira das Letras, que organizan os libreiros de Narón e o Concello. O evento foi presentado hoxe en rolda de prensa polo Concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, a Concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mª del Carmen Espada, e a Concelleira de Turismo, María Rodriguez Porto, ademáis do propietario da librería Day, que participa na Feira.
A Feira das Letras propón un encontro de autores e ilustradores de libros galegos co público, e ten por obxecto dar a coñecer o traballo destes artistas e achegar os libros á cidadanía. Para iso, está previsto un variado programa de actos para o público infantil e adulto concentrado en dous días e medio nunha zona de alto tránsito de veciños e veciñas.
Este proxecto chega ao seu segundo ano coa intención de irse consolidando pouco a pouco no panorama cultural da comarca, tal e como indicaron os seus responsables.
A apertura da feira realizarase o venres 27 ás 18:00 horas. O escritor David Pobra, un dos novos valores das letras galegas, abrirá a feira. A continuación a compañía de teatro Ghazafelhos poñerá en escena a obra infantil "Acuario", unha representación de marionetas e teatro de actores no que tamén participa a autora do libro, a escritora María Canosa, moi popular polas súa participación no programa "Verbas van" da TVG. Na mesma xornada do venres o escritor Natalio Gómez presentará "Horas polares" e David Pobra a súa primeira novela, despois dunha longa traxectoria como poeta, "Liña azul" (Edicións Xerais).
A feira propón para o sábado e domingo novas actividades, entre as que se encontran unha presentación musical do libro "Tanto encanto reunido", de Berros do Castro, e un recital de poesía erótica a cargo de Verónica Martínez Delgado e Alberto Momán.
As librerías participantes neste evento son: Librería Day (A Gándara, Narón) Librería Galicia (Xuvia, Narón) e Librería Carpe Diem (Ares).