APROBADAS POR UNANIMIDADE NO PLENO A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DE SUBVENCIÓNS DEPORTIVAS E A CESIÓN DUNHA PARCELA Á XUNTA PARA CONSTRUÍR VIVENDA PÚBLICA
Os cambios na citada ordenanza permitirán conceder subvencións a deportistas a título individual, tal e como xa plantexou o goberno local o pasado mes de outubro
Narón, 26 de xuño de 2025. A corporación local aprobou no pleno desta mañá por unanimidade a aprobación inicial da modificación da ordenanza xeral de subvencións, unha iniciativa que o goberno local levou ao pleno de outubro do pasado ano e que non saíu adiante. Na xornada de hoxe aprobouse con todos os votos favorables, o que permitirá a persoas físicas –a título individual- que cumpran os requisitos establecidos acceder a unha serie de subvencións directas habilitadas dende o Concello. O procedemento continuará a tramitación pertinente, debendo someterse a información pública coa publicación das modificacións no BOP. Dende Terra Galega lamentouse unha vez máis que estas subvencións non se tivesen aprobado o pasado ano, podendo estar moito máis avanzado a estas alturas de ano o procedemento para que entren en vigor á maior brevidade.
Así mesmo, aprobouse por unanimidade a cesión dunha parcela municipal ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para a construción de vivendas. O espazo, localizado na parroquia de Xuvia, ten unha superficie que ronda os 4.000 metros cadrados e acollería vivendas de promoción pública, unhas setenta, tal e como avanzou o voceiro de TEGA, Román Romero. O edil recordou que foi a propia alcaldesa, Marián Ferreiro, a que solicitou ao presidente autonómico a necesidade de construír estas vivendas en Narón e ofreceu varias parcelas para poder materializar a actuación, decantándose finalmente a Xunta por unha delas. O acordo someterase a exposición pública durante un período de quince días, tras publicarse no Boletín Oficial da Provincia.
Así mesmo, aprobouse nesta mesma sesión por unanimidade a modificación inicial da ordenanza reguladora do IBI e coa abstención do PSOE e tamén, entre outros puntos, sairon adiante por unanimidade as modificacións da ordenanza reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibracións.
A maiores, leváronse ao pleno dúas declaracións institucionais, unha con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI, sumándose á formulada dende a Federación Española de Municipios e Provincias, e outra para dar o nome da arqueira Iría Grandal, campiona e olímpica nesta modalidade deportiva, ao novo campo de tiro con arco localizado no polígono de Río do Pozo.
No apartado de mocións aprobáronse por unanimidade as presentadas polo PP para o mantemento do polígono das Lagoas, sobre a que o edil de Deportes, Ibán Santalla, recordou que as obras enumeradas están xa previstas, e a do PP para elaborar un plan de mellora urxente do SAF e a atención á dependencia na cidade. Tamén con todos os votos favorables saíron adiante as mocións o PSOE para implementar cursos de lingua de signos en Narón e a do mesmo grupo sobre subvencións deportivas –punto que xa estaba aprobado no momento da votación da moción, ao ir na orde do día do pleno-. Unánime foi tamén a votación na moción do BNG urxindo accións para frear o xenocidio en Palestina. Os nacionalistas presentaron tamén unha moción solicitando o mantemento do persoal do PAC de Narón en xullo e agosto, que contou cos apoios de todos os grupos menos o PP.