O CONCELLO DE NARÓN REPAVIMENTA O CIRCUÍTO DE RADIOCONTROL E KARTS DE RÍO DO POZO
Investiranse preto de 33.000 euros en renovar por completo o firme dunha instalación deportiva de referencia para os afeccionados aos deportes do motor.
Venres, 7 de agosto de 2026. O Concello de Narón, a través do Padroado de Deportes, está a acometer a repavimentación integral do circuíto de radiocontrol e karts situado no polígono industrial Río do Pozo.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, Ibán Santalla, visitaron esta mañá as obras do circuito, que contan cun orzamento de 32.997,68 euros e un prazo de execución de dous meses. A actuación permitirá poñer a punto a pista despois de case dúas décadas de uso ininterrompido.
Inaugurada en 2009, a instalación naceu para dar resposta á demanda dos afeccionados e clubs destes deportes de motor. Ao longo dos anos ampliou o seu uso máis alá do radiocontrol e o karting, acollendo tamén sesións de educación viaria impartidas pola Policía Local.
Ademais de renovar por completo o pavimento, os traballos inclúen a demolición dos bordillos remontables interiores, a retirada da moqueta de céspede das illas centrais e a limpeza total da superficie, que abrangue 2.548 metros cadrados. A actuación aproveitarase, así mesmo, para redeseñar o trazado do circuito.
Santalla destacou que este investimento "responde ao compromiso do goberno local coa mellora continua das instalacións deportivas municipais" e sinalou que o circuíto de Río do Pozo "merece esta posta ao día para seguir prestando servizo en condicións óptimas".