Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O JAZZ DE RÍA MÁIS INTERNACIONAL TRAE A NARÓN CATRO CONCERTOS, VISITA GUIADA E NARRACIÓN ORAL POLO CENTENARIO DE MILES DAVIS
O venres 14 de agosto o Pazo da Cultura acolle o concerto de Ensemble 100xMILES, homenaxe aos cen anos do nacemento do trompetista. O sábado 15, o Parque do Río Freixeiro e o Mosteiro do Couto serán escenario dunha xornada completa con música internacional, patrimonio e narración oral.
Martes, 11 de agosto de 2026. O Jazz de Ría, festival que cada mes de agosto achega propostas de música jazz a Cedeira, Valdoviño, Narón e Neda, chega este ano á súa 10ª edición coa proposta máis internacional da súa historia, cun fío condutor que percorre a conexión entre a tradición galega e unha das figuras fundamentais do jazz do século XX: Miles Davis. O relato parte da melodía do chifre do afiador ourensán José María Rodríguez, rexistrada por Alan Lomax en Faramontaos (Nogueira de Ramuín) en 1952, e que anos despois inspirou a Davis para compoñer “The Pan Piper”, incluída no seu disco Sketches of Spain. Narón concentrará dúas das citas máis destacadas desta edición, cunha xornada de peche o sábado 15 de agosto con catro concertos de artistas chegados de Palestina, Irlanda, Estados Unidos, Cataluña e Cuba. Venres 14 de agosto: Ensemble 100xMILES no Pazo da Cultura. O festival abrirá a súa presenza en Narón co concerto do Ensemble 100xMILES, unha formación creada especificamente para conmemorar o centenario do nacemento de Miles Davis e que reúne a algúns dos músicos galegos máis destacados do jazz e as músicas improvisadas: Ricardo Formoso (trompeta), Pablo Añón (saxo), Iago Mourinho (piano), Simón García (contrabaixo) e Miguel Fernández (batería). O repertorio baséase principalmente no concerto que Miles Davis ofreceu en 1960 co seu quinteto no Olympia de París, a súa última colaboración co saxofonista John Coltrane, de quen tamén se cumprirán cen anos do nacemento este mes de setembro. Completarán o programa temas como “Round About Midnight”, “Oleo” —composta por Sonny Rollins— e “So What”, pertencente ao álbum Kind of Blue. As entradas, de balde, poden retirarse desde na billeteira do Pazo da Cultura de Narón (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas) ou chamando ao teléfono 981 102 897. Sábado 15 de agosto: unha xornada arredor da memoria e o relato. O sábado, Narón acolle a xornada máis extensa da presenza do festival na cidade, cunha proposta pola mañá centrada na orixe da historia e catro concertos pola tarde e a noite no Parque do Río Freixeiro. 11.00 h — Visita guiada ao Mosteiro do Couto. O historiador Benjamín Hermida guiará un percorrido polo Mosteiro de San Martiño de Xuvia, coñecido como Mosteiro do Couto, un enclave de gran valor patrimonial situado a escasos metros da ría e ligado ao Camiño Inglés. A visita permitirá coñecer a súa arquitectura, a súa relevancia histórica e o legado dun lugar que atravesa máis de mil anos de historia da comarca. Require inscrición previa a través do formulario dispoñible na web do festival. 12.30 h — Quico Cadaval, "O eco do chifre". No propio Mosteiro do Couto, o actor, director e narrador oral Quico Cadaval —un dos grandes referentes da escena galega— converterá nunha peza de narración oral a anécdota que une o chifre do afiador ourensán José María Rodríguez coa inspiración de Miles Davis, cun exercicio que el mesmo describe como un improviso jazzístico sen máis instrumento que a memoria, a imaxinación e a elocuencia. 19.00 h — Sara Dowling meets Michael Kanan Trio (Palestina/Irlanda – Estados Unidos). A cantante palestina-irlandesa Sara Dowling únese ao trío do estadounidense Michael Kanan (piano, contrabaixo e batería) para revisitar o repertorio clásico do jazz desde a interacción e a escoita compartida. 20.30 h — Albert Cirera & Tres Tambors. Liderado polo saxofonista e compositor catalán Albert Cirera, xunto a Roger Mas (piano), Marko Lohikari (contrabaixo) e Òscar Domènech (batería), o cuarteto presenta o repertorio do seu novo disco, Orangina, cunha linguaxe propia entre estrutura e liberdade que os consolida como unha das propostas máis sólidas do jazz europeo contemporáneo. 22.00 h — Yosvany Terry Quartet (Cuba). O saxofonista e compositor cubano Yosvany Terry, que colaborou con artistas como Chick Corea, Gonzalo Rubalcaba, Steve Coleman ou Chucho Valdés, pecha a xornada en Narón cun cuarteto —completado por Miguel "Wiwi" García ao piano, Gastón Joya ao contrabaixo e Rodrigo Ballesteros á batería— que integra as tradicións afro-cubana, oeste-africana e do jazz estadounidense. Faramontaos 11/52, unha escoita presente en todo o festival. En todos os espazos do Jazz de Ría, incluídos os de Narón, o público poderá acceder a Faramontaos 11/52, unha pequena acción sonora que permite escoitar, a través de dous códigos QR, a gravación orixinal do toque de chifre de José María Rodríguez recollida por Alan Lomax en 1952 xunto a “The Pan Piper” de Miles Davis, incluída en Sketches of Spain (1960). Unha oportunidade de escoitar unha mesma melodía interpretada en dous contextos xeográficos, culturais e musicais radicalmente distintos. Toda a información práctica sobre horarios, reservas e retirada de entradas está dispoñible en www.jazzderia.gal e nas redes sociais oficiais do festival.

<<< Agosto 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal