Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA PRESIDIU HOXE A RECEPCIÓN INSTITUCIONAL ÁS FORMACIÓNS QUE PARTICIPARÁN ESTA NOITE NO "XXXI FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE"
Marián Ferreiro estivo acompañada no acto polo edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e o voceiro do grupo municipal do PSOE, David Pita
Narón, 16 de xullo de 2022. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá no Concello a recepción oficial a representantes das formacións que participarán esta noite, ás 21.00 horas no parque de Freixeiro, no “XXXI Festival Internacional de Folclore” organizado polo Padroado da Cultura de Narón e con entrada de balde. No acto, que deu comezo ás 12.30 horas, estiveron tamén presentes o edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e o voceiro do grupo municipal do PSOE, David Pita. Ferreiro deu a benvida a Narón a integrantes do Grupo Folclórico Guarionex, de Porto Rico, do Grupo de Bailes Folclóricos Sörbö, de Costa Rica, e da Compañía de Danza Independiente Fusión Folklórica, de México, que estiveron acompañados por representantes do Grupo de Baile Tradicional “Alxibeira”, do Padroado da Cultura de Narón”. A rexedora local valorou o feito de poder desfrutar esta noite, e tamén o vindeiro luns día 18 nas Pontes, da actuación destas formacións musicais, “que nos achegan un pouco máis á vosa cultura e as vosas tradicións a través da música, das vestimentas propias dos vosos países, enriquecendo festivais como o que celebramos cada ano en Narón e contribuíndo a difundir o voso intenso labor e aportación cultural na nosa cidade”. Trala intervención de Ferreiro un representante de cada unha das formacións tomou a palabra, coincidindo en agradecer todos eles a Narón o feito de convidalos a esta edición do Festival Internacional de Folclore. Resumiron ademais un pouco a historia de cada formación e recoñeceron que era “un placer” dar a coñecer o seu folclore en Narón. Destacaron tamén a súa paixón pola música e “o esforzo realizado para organizar este festival, que todos os que traballamos nisto sabemos que é moito”. A alcaldesa entregoulles un agasallo a cada unha das formacións convidadas, unha figura artesá realizada con follas das mazarocas do millo e pintadas con tintes naturais que representaban a unha parella de baile, realizadas por artesáns da comarca, “As Lolas da Cascarilla”. Así mesmo os tres grupos convidados entregáronlle á alcaldesa diferentes agasallos representantivos dos seus respectivos países para, finalmente, realizar unha fotografía de grupo no salón de plenos. Ferreiro desexoulles aos grupos unha boa estancia na cidade e reiteroulles o agradecemento por participar esta noite no “XXXI Festival Internacional de Folclore”.

<<< Xuño 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20 21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
Eventos do Concello
naron.gal