Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ORGANIZA CATRO DÍAS DE VISITAS GUIADAS AO MUÍÑO DE XUVIA ABERTAS Á CIDADANÍA
A alcaldesa, Marián Ferreiro avanzou que as visitas están programadas para os días 25 e 26 de marzo e 1 e 2 de abril
Narón, 22 de marzo de 2023. O Concello organiza unhas visitas guiadas ao muíño de Xuvia as vindeiras dúas fins de semana. Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que avanzou que as convocatorias se desenvolverán os días 25 e 26 de marzo e o 1 e 2 de abril. Ferreiro indicou que “as persoas que desexen coñecer o resultado final dos traballos de rehabilitación desta importante construción que forma parte do noso legado patrimonial máis importante poderán velo antes do inicio da musealización”. Para asistir tan só será preciso achegarse ao muíño, e unha vez alí formaranse grupos –por orde de chegada- para acceder ao interior. A rexedora local indicou que as visitas serán este sábado entre as 16.30 e as 20.30 horas; o domingo 26 todo o día, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00, e os días 1 e 2 de abril de 16.30 a 20.30 horas. Dúas guías de turismo oficiais especializadas encargaranse de guiar aos asistentes polo interior do muíño e ofrecer as explicacións sobre a historia desta construción e cada unha das dependencias. Así mesmo, proxectarase un vídeo no que se poderá ver a execución dos traballos realizados para rehabilitalo, e tamén haberá material informativo sobre a actuación como paneis explicativos do proxecto, dípticos… As visitas terán unha duración aproximada de vinte minutos, levaranse a cabo de xeito ininterrompido con dous grupos de xeito simultáneo no interior, co fin de que poidan velo todas as persoas que o desexen. “Esta obra representa unha importante aposta do goberno local pola recuperación do noso patrimonio e permitiu materializar un proxecto que supuxo un importante investimento e que se completará coas tarefas de musealización”, explicou Ferreiro. Os dous muíños de Lestache e unha construción anexa con dúas moendas máis e a vivenda da familia Lestache integran este conxunto do século XVIII, que actualmente presenta un aspecto renovado, moi luminoso, coa pedra, a madeira e o cristal como protagonistas. Un dos valores engadidos é o funcionamento das moendas co caudal do río Xuvia, unha das apostas deste completo proxecto. O proxecto do Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia, supuxo un desembolso de 1,25 millóns de euros. A actuación está cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. Nos vindeiros meses darán comezo as tarefas de musealización do muíño, que suporán un desembolso de 240.000 euros, cofinanciados neste caso polo Feder e o Concello de Narón. Esta actuación permitirá dotar o interior da construción de murais da factoría, mapas ilustrados, recreacións de muíños, espazos informativos e outros elementos, e será o paso previo á apertura ao público das instalacións.

<<< Xuño 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20 21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
Eventos do Concello
naron.gal