O CONCELLO MANTÉN ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NOS CURSOS EN LIÑA SOBRE "EMPRENDEMENTO COOPERATIVO", "CULTURA FINANCIEIRA" E "PLAN DE EMPRESA"
As accións formativas terán unha duración de sesenta horas cada unha e terán preferencia á hora de participar as mulleres, persoas desempregadas ou en risco de exclusión social, tal e como recordou o edil de Promoción Económica, David Pita
Narón, 4 de setembro de 2020. O Concello mantén aberto o prazo de inscrición en tres cursos en liña para o emprendemento organizados polo Concello naronés e subvencionados pola administración autonómica (en colaboración coa Rede Eusumo de Galicia) e o Fondo Social Europeo: “Emprendemento cooperativo”, “Cultura financieira” e “Plan de empresa”. Trátase de accións formativas dirixidas a público xeral pero nas que terán prioridade á hora de concesión das prazas –hai dispoñibles trinta para cada un deles- as mulleres, as persoas desempregadas, en risco de exclusión social ou vencelladas á economía social, tal e como avanzou o edil de Promoción Económica, David Pita.
O curso “Aprender a emprender. Formación para o Emprendemento cooperativo”, terá lugar entre o 15 de setembro e o 13 de outubro; “Cultura financieira e finanzas éticas para o emprendemento”, impartirase do 22 de setembro ao 19 de outubro, e o terceiro, “Como elaborar un Plan de Empresa cooperativa”, entre o 29 de setembro e o 27 de outubro. O edil naronés explicou que cada unha destas accións terá 60 horas de formación a través das que o alumnado poderá aprender, segundo o curso elixido, a construír unha empresa por réxime de cooperativa, coñecer as súas características e potencialidades, a toma de decisión a nivel económico e a elaboración dun plan de empresa.
As persoas interesadas en inscribirse poden consultar toda a información no enlace: cursosnaron.formacionenrede.com.